|
A Secretaría Xeral de Emigración (Xunta de Galicia) presenta nesta recompilación os primeiros materiais de consulta e guías formativas que se desenvolveron ó abeiro do proxecto Equal CONVIVE+, cuxo obxectivo prioritario é mellorar a inserción laboral e social do colectivo migrante (poboación emigrante retornada e inmigrante) en Galicia a través do fomento das súas capacidades de emprendemento empresarial no contexto da economía social, conseguindo desta forma dinamizar o tecido socioeconómico da Comunidade Autónoma Galega. A continuación detallamos os contidos que se abordan nos materiais compilados neste soporte informático. Cada un dos materiais correspóndese con etapas distintas da posta en marcha do Equal que se poden concretar: no proceso de formación de equipos técnicos desenvolvido polo Equal Convive Máis se publicaron a Guía de consulta sobre entidades de economía social e Novas Ferramentas de Financiamento; durante os itinerarios integrais de formación para emprendedores/as realizados neste proxecto publicouse o manual La economía social en Galicia. Oportunidades para la igualdad, la integración y el desarrollo; e finalmente, como producto da acción formativa orientada a crear especialistas en mediación intercultural editouse o manual Formación, profesionalización y acción en mediación intercultural.
Guía de consulta sobre entidades de economía social: A Guía de consulta sobre entidades de economía social , elaborada pola Secretaría Xeral de Emigración (Xunta de Galicia) para o proxecto Equal CONVIVE+, é unha ferramenta moi útil para aclarar cuestións xurídicas na posta en marcha de proxectos de economía social, e ilustra de forma gráfica experiencias postas en marcha neste ámbito. Concretamente, esta guía divídese en tres partes diferenciadas: a primeira parte, desenvolve aspectos en relación á organización, ó papel dos socios, ós órganos sociais, os aspectos económicos, a constitución e rexistro e as cooperativas de traballo asociado das sociedades cooperativas; a segunda parte, céntrase nas sociedades laborais e nos aspectos xurídicos e económicos máis relevantes para coñecer este tipo de organizacións; e na parte final, preséntanos cinco exemplos prácticos da posta en marcha de cooperativas, que serven para pór en práctica os aspectos teóricos da creación de empresas de economía social.
Novas ferramentas de financiamento: A publicación Novas Ferramentas de Financiamento da Secretaría Xeral de Emigración (Xunta de Galicia) para o Proxecto Equal CONVIVE+, elaborouse de forma específica como material docente para a formación dirixida aos/as técnicos/as desta iniciativa comunitaria. O obxectivo deste material docente era dotar de ferramentas de coñecemento sobre a economía social en Galicia ás persoas asistentes ó curso. Este documento expón de maneira rigorosa unha serie de puntos que a describimos a continuación: en primeiro lugar defínese “economía social” e céntrase no estudio das cooperativas como formas de organización empresarial máis estendidas dentro deste tipo de economía; a posteriori sitúase as características da poboación estranxeira e dos emigrantes retornadas/os en Galicia e a súa situación co mundo empresarial; o bloque central aborda as ferramentas de financiamento que teñen os colectivos de inmigrantes e emigrantes retornados/as e coméntanse as posibilidades de conseguir recursos económicos para estes colectivos á hora de poñer en marcha proxectos de economía social; e finalmente, danse unha serie de consellos técnicos á hora de abordar o proceso de emprendemento empresarial con poboación estranxeira ou emigrante retornada.
La economía social en Galicia. Oportunidades para la igualdad, la integración y el desarrollo: O manual La economía social en Galicia. Oportunidades para la igualdad, la integración y el desarrollo, elaborado pola Fundación Galicia-Emigración (Secretaría Xeral de Emigración, Xunta de Galicia) para o proxecto Equal CONVIVE+, é un recurso pedagóxico innovador, pois aborda de forma profunda as potencialidades da economía social e o seu desenvolvemento en Galicia. Os contidos abordados por esta publicación abordan a economía social dende diversos prismas de análise: en primeiro lugar, realízase unha abordaxe da situación da economía galega e da realidade do mercado laboral, facendo especial fincapé no papel das cooperativas no tecido económico; en segundo lugar, se resaltan os valores que impulsan a economía social como a integración económica, o espírito de cooperación e as oportunidades sociais de equidade para colectivos pouco integrados no mercado laboral; en terceiro lugar, se sinalan as características da economía social en relación co réxime laboral, o réxime de autoemprego, as sociedades laborais, o réxime económico e o financiamento e as medidas de apoio.
Formación, profesionalización y acción en mediación intercultural: O manual Formación, profesionalización y acción en mediación intercultural, coordinado por Laura Oso Casas e Pablo Montero Souto e editado pola Universidade da Coruña, foi elaborado a raíz da celebración do curso de Axentes de Mediación Intercultural organizado polo Proxecto Equal CONVIVE+, financiado polo Fondo Social Europeo e liderado pola Secretaría Xeral de Emigración (Xunta de Galicia).Os contidos deste manual poden dividirse en achegas de profesionais de renome académico e de alumnos que participaron nesta formación especializada. A primeira parte das contribucións á investigación xiran entorno ó papel da mediación intercultural no traballo con poboación estranxeira e a importancia da profesionalización desta figura laboral, e analizan a situación da inmigración en Galicia e o nicho laboral do autoemprego para este colectivo na nosa comunidade. A importante contribución dos alumnos/as deste curso ó manual vese reflectido no desenvolvemento de temas moi heteroxéneos pero que pivotan arredor das competencias e do traballo de mediación intercultural. |