|
APROBADA A FIGURA DE MEDIADOR INTERCULTURAL CON ÁMBITO ESTATAL A INSTANCIA DA SECRETARÍA XERAL DE EMIGRACIÓN A nova figura favorecerá o desenvolvemento de políticas de integración social e a convivencia intercultural Na sede do INEM, en Madrid, o pasado 14 de novembro reuniuse o Grupo de táboas do Servizo Público de Emprego Estatal coa finalidade de discutir sobre a necesidade de incluir a ocupación Mediador intercultural nos diferentes Servizos Públicos de Emprego Autonómicos, acordando a creación da nova figura. Unha vez se introduza a nivel informático a proposta nas táboas de datos dos servizos de emprego, estes xa poderán xestionar a inscrición de Mediadores interculturais, así coma ofertas de traballo da nova ocupación. Dita figura xa estaba estendida na práctica con distintas denominacións, existindo mediadores traballando en diferentes institucións públicas e privadas do Estado, pero ata o de agora non estaba recoñecida como ocupación a efectos dos servizos públicos de emprego. A proposta aprobouse en base a un amplo estudo realizado no marco do proxecto da iniciativa comunitaria Equal “Convive+”, que lidera a Secretaría Xeral de Emigración e está cofinanciado nun 75% polo Fondo Social Europeo. O devandito estudo -no que se xustifica a necesidade de creación da nova ocupación- foi presentado o pasado mes de abril perante a Consellería de Traballo, que supervisou o mesmo e o remitiu ao Servizo Público de Emprego Estatal. No estudo analízase a figura do Mediador intercultural, o seu perfil e as experiencias existentes no contexto europeo, ademáis do seu desenvolvemento en España por ámbitos de intervención e comunidades autónomas. A nova ocupación contén funcións asociadas á intervención social en contextos multiculturais para potenciar a comunicación entre culturas e a convivencia intercultural e para previr, resolver, reformular e plantexar políticas en situación de convivencia de diversas culturas nun mesmo territorio. Entre estas funcións están a intermediación e interpretación dos códigos socio-lingüísticos e culturais dos actores sociais, en especial das persoas inmigrantes; desenvolver políticas para a prevención e resolución de conflictos interculturales; e mediar na negociación e consecución de acordos contractuais para as partes en litixio en situación de conflicto social. Ao Mediador intercultural tamén corresponderalle mellorar a comunicación e o coñecemento mutuo entre profesionais das administracións públicas e entidades privadas e as persoas inmigrantes, así como favorecer o acceso e participación das persoas inmigrantes en todos os ámbitos da sociedade. As súas funcións poderán desenvolverse nas áreas de intervención social ou de atención ao ciudadá nos eidos dos servizos sociais, sanidade, educación, xustiza, emprego, etc. en entidades tanto públicas como da iniciativa privada, como entidades prestadoras de servizos, asociacións de inmigrantes, sindicatos, etc. Segundo o acordado polo Grupo de tablas do Servizo Público de Emprego Estatal, a ocupación de Mediador intercultural incluirase dentro do Gran grupo 3 (técnicos e profesionais de apoio), grupo 35 (outros técnicos e profesionais de apoio), subgrupo 353 (profesionais de apoio de promoción social), subgrupo primario 3539 (promotores de igualdade de oportunidades para a muller e outros profesionais de apoio á promoción social), dentro do sector “Servizos á comunidade e personais”. Dito acordo do Grupo de Tablas adoptouse por unanimidade por todas as comunidades autónomas. Ao incluirse a ocupación de Mediador intercultural no grupo 3 do Sistema Informático do Servizo Público de Emprego (SISPE), para inscribirse como tal no servizos públicos de emprego non se esixirá a posesión de titulación universitaria, ainda que si formación en mediación.
|