| Liñas de actuación |
|
O proxecto Convive+ consta de 7 liñas de actuación diferenciadas que se subdividen á súa vez en apartados específicos de actuación que atoparás con maior detalle entrando en cada unha delas. As 7 liñas xerais deste proxecto son: - Liña 1: Análises, Informes e Investigacións: unha das principais dificultades para o desenvolvemento de políticas eficientes de intervención e soporte para o colectivo migrante é a falta de información fiable e suficientemente desagregada (por sexos, sectores de actividade...) sobre a súa situación sociolaboral e empresarial. O proxecto pretende incidir neste ámbito elaborando unha investigación, que utilizará a metodoloxía IAP (Investigación-Acción-Participativa) e que permita proporcionar información para alimentar e contribuír á definición do resto das liñas de actuación. - Liña 2: Itinerarios integrais para a creación de empresas: O colectivo migrante enfróntase a dificultades engadidas ao xa de por si complicado proceso de emprendemento, debido, entre outros, ao descoñecemento legal do entorno galego, á limitada capacidade de aforro e á falta de capitalización para a posta en marcha dunha empresa. - Liña 3: Fomento do asociacionismo e promoción de redes: O obxectivo é potenciar a creación de redes de cooperación para facilitar a participación activa do colectivo migrante no desenvolvemento de políticas de apoio e potenciar o seu asociacionismo no ámbito empresarial, mostrando sempre especial atención ao fomento e a competitividade das empresas de Economía Social. - Liña 4: Mellora das competencias do persoal técnico: esta liña está orientada á formación de Axentes de Mediación Intercultural e a formación das persoas que integran o equipo técnico, asesor e decisor do Programa en fenómenos migratorios e interculturalidade, economía social, ferramentas de financiamento, igualdade de oportunidades e medio ambiente. - Liña 5: Seguimento, control e avaliación do programa: análise e auditoría de xénero, avaliación da aplicación das prioridades horizontais da Comisión Europea, coordinación, avaliación continua interna, avaliación final externa e asistencia técnica externa. - Liña 6: Difusión: O éxito de Convive+ radica, en boa parte, na realización dun especial esforzo de difusión que ten como obxectivo a aproximación do fenómeno das migracións ao tecido social da comunidade de acollida, dende unha perspectiva positiva. Trátase de transformar esa percepción social ligada ao colectivo migrante como “problemática”, “ameaza” e “carga”, percibida por unha parte substancial da opinión pública en xeral, nunha percepción de fonte de oportunidades, multiculturalidade e dinamización do tecido económico de Galicia. Seminario Migración e desenvolvemento - Liña 7: Medidas de apoio á transferencia: respondendo á propia natureza e esixencia da Iniciativa Comunitaria EQUAL, é moi importante a transferencia de metodoloxías, materiais e boas prácticas acadadas ó longo do proxecto, tanto a un nivel horizontal (é dicir, entre as propias entidades socias do proxecto) como vertical (dirixido a persoas con capacidade de decisión política nos distintos niveis da Administración Pública do Estado e da Unión Europea). |